Monday 29 de April de 2024

Sánchez Bugallo defende a xestión do equipo de goberno en materia de contratación


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, defendeu hoxe a xestión do seu goberno en materia de contratación. O rexedor aclaroulle ao portavoz do Grupo Municipal Popular que “os contratos menores non son contratos a dedo” e lembrou que nos cinco meses de mandato de Agustín Hernández, en 2015, destináronse a contratos menores 2. 528.796 euros. Un executivo, indicou, do que formaba parte o actual voceiro popular.

Sánchez Bugallo sinalou que os contratos menores son legais, e que facilitan “a accesibilidade das PEMES e das empresas locais” aos procesos de contratación. Lembrou que un contrato de servizos de menos de 15.000 euros (sen IVE), é un contrato menor; igual que un de obras de menos de 40.000 euros. “É un procedemento de contratación que todos os grupos e todas as administracións tratan de afear ao goberno de turno” indicou.

O alcalde recordou que “vimos dunha etapa de pandemia, onde houbo que facer moitos contratos menores porque eran contratacións que non estaban previstas nos orzamentos, e isto agravou e agudizou o problema”. Aínda así, sinala, as porcentaxes de contratación do Concello de Santiago a través de contratos menores “non teñen nada que ver con algunha diputación provincial de Galicia que o 80% dos recursos adxudícaos en contratos menores. Se o PP ten moito interés en controlar pode empezar pola súa propia casa”, subliñou.

Proxecto Peleteiro

Sobre o proxecto Peleteiro, Sánchez Bugallo aclarou que non se trata dunha cuestión electoral, e que todo o proceso de negociación se está afrontando “se ideas preconcebidas”. “Aquí a decisión non depende do goberno. Depende de toda a Corporación”. Resolvela, continuou, sería un éxito conxunto. E “se non o resolvemos, o fracaso compartirémolo todos”.

O rexedor lamentou “que por parte do PP se adopte esa posición carente de realismo que está fora do debate, que é unha forma de quitarse do medio e tratar de facilitar que isto non saia adiante”. Sánchez Bugallo lembrou que se reduciu a edificabilidade de 23.000 metros a 18.000 metros cadrados. “Cando alguén fala de especulación ou pelotazo, ou ignora cousas ou pretende ocultalas aos demais. O que estamos plantexando é unha rebaixa da edificabilidade, non un incremento. Polo tanto, ese é o primeiro dato que hai que ter en conta”. “Non se poden dicir determinadas frases ou valoracións por parte de grupos que participaron en todo o proceso desde o minuto un”. Grupos, engadiu, “que tiveron responsabilidades de goberno e non foron quen de solventar a situación e darlle unha solución ao tema”. Tamén lle recordou que a vivenda se destinan 15.500 metros cadrados (12.400 vivenda libre e 3.100, o 20%, para vivenda de proteccion ou en rexime de alguer a prezo limitado).

O alcalde non renuncia, aínda que ve difícil, “un cambio de opinión” do grupo popular. Por parte dos outros grupos, espera ese avance e “reprocidade, como se está producindo coa maior parte das asociacións”. Neste momento, engadiu, “está entrando nunha etapa que debe conducir a unha resolución dun tema que leva 20 anos por desenvolverse”.

O primeiro obxectivo, trasladar o colexio, a un lugar que o permitise medrar, acadouse. O segundo, converter ese espazo do vello edificio escolar nun centro dinamizador do Ensanche, non…., de momento. Trátase, sinalou de desbloquear o proxecto ou deixalo como está. “ A peor das hipótese é que quede como está”.

Sobre a apertura da praza cara República Arxentina ou cara San Pedro de Mezonzo indicou que levan tempo traballando “intentando buscar aproximacións, búscando a fórmula de permeabilizar cara os dous lados. É posible que se atopamos a maneira se poida dar un paso máis no futuro. Todos nós temos que afrontar unha responsabilidade”, reiterou. Sacar adiante o proxecto Peleteiro, continuou, beneficia a toda a cidadanía. “Falaremos e escoitaremos e a todo o mundo. A veciñanza de República Arxentina defenden un interés lexítimo, pero tamén hai un interés lexítimo da veciñanza de San Pedro de Mezonzo”, finalizou.